Primeiro disco de Ugia Pedreira

Segmento Cantábrico, unha colección de once cancións e poemas que nos transportan ao novo universo musical e poético da Pedreira

novos arranxos sobre a tradición

O disco, de folk progresivo, aúna formas tradicionais do litoral cantábrico con outros sabores da world music europea e do folk americano

Estas novas composicións saen do que A Pedreira considera máis xenuíno nela mesma: o pensamento emitido dun verso ou dunha palabra

Letras, poemas da propia artista, do pintor e poeta vigués afincado en Londres Enrique Gavilanes, das Follas Novas de Rosalía de Castro, da poeta do Val de Lourenzá Marina Oural, do escritor Carvalho Calero e a poeta Xela Arias, compoñen este traballo no que a bipolaridade do orgánico e o tecnolóxico, os extremos, os límites, as marxes, a música como curación, o aproveitamento e o consumo responsable dos recursos cotiáns están expostos.

O novo camiño da Pedreira vai da man do produtor musical e compositor bretón Pierre-Yves Rougier, que pon a carne necesaria ás melodías e palabras

Despois de 12 discos gravados, sempre ao redor de artistas diversos, e de xiras internacionais e colaboracións variadas, A Pedreira preséntase aquí cunha madurez escénica irrevogable, cunha voz que ben podería ser a voz do blues galego, coa paixón do rock e un amplo coñecemento das músicas populares de raíz. A Pedreira ten cambiado o rumbo da escena galega varias veces, a nivel creativo, nas coidadas postas en escena, a nivel didáctico ou de xestión. Estas novas composicións saen do que considera máis xenuíno nela mesma: o pensamento emitido dun verso ou dunha palabra. «A escritura é o meu templo», que diría DJ Spooky.

A Pedreira preséntase aquí cunha madurez irrevogábel, cunha voz que ben podería ser a do blues galego, coa paixón do rock e un amplo coñecemento das músicas populares de raíz

O novo camiño da Pedreira vai da man do produtor musical e compositor bretón Pierre- Yves Rougier que pon a carne necesaria ás melodías e palabras, que son os esqueletos das cancións da Pedreira, que desta vez buscou a inspiración en arquitecturas sonoras tan diferentes como a música barroca, o metal, o techno, os cantos tibetanos, os seus propios difónicos, o folk irlandés e bretón, o son máis chamánico… Sen prexuízos e coa consciencia de que habitamos unha construción Panxea da arte, nunha colaxe maior onde a entropía persoal marca verosimilitude, o disco vén envolto de músicas que son útiles para Ugia e Pierre na casa, coa súa filla Lúa que mora a través do oído primario, nos sons congruentes co seu modo de vivir. Como dicía Foucault, que o real verídico sexa o propio relato de cada quen. Por iso viaxan sonoramente polos tambores tribais, rememorando aqueles cantautores folk dos 70, agradecendo a música dos 80, explorando sons en estampas (motores de barcos, cigarras, pés no lodo da ría…).

Créditos

O deseño e tipografías son obra de Xavier Belho. A foto da portada é de Óscar Górriz. Da produción musical, arranxos e premesturas encargouse Pierre-Yves Rougier, no estudio Ty Awel, en Castropol. A mestura e masterización final correron a cargo de Arturo Vaquero en Abrigueiro Estudios (Friol). Colaboran Ivan Laxe, no baixo, e Alberto M. Lamas, na stelle guitar.